Saturday 27 de April de 2024

Arrancan as obras de mellora da contorna da Capela da Guía na parroquia de Carreira


A actuación supón un investimento de máis de 88.000 euros

O Concello de Riveira informa de que arrancaron as obras de mellora na contorna da Capela da Guía, na parroquia de Carreira.

A empresa Construcciones Figueiras Vixán, S.L., é a encargada de acometer esta actuación, que supón un investimento de 88.330 euros, IVE incluído. O prazo de execución son dous meses.

Actualmente, o entorno deste inmoble está pavimentado en formigón e atópase en mal estado, rexistrando fisuras e afundimentos polos que aflora vexetación indesexada e provoca que cando chove se produzan charcos que fan moi difícil o tránsito polo terreo circundante. Así mesmo, na parte oeste do recinto existe un camiño de acceso a varias vivendas que está pavimentado con zahorra, o que dificulta o paso dos viandantes nas estacións de outono e inverno; mentres que na parte leste hai un tramo de estrada que une o templo co parque das festas que carece de beirarrúas.

Así e logo, o obxectivo que persegue o proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais reside na mellora do entorno outorgando protagonismo ao tránsito peonil.

Para alcanzar este fin demolerase o pavimento actual de formigón substituíndose por pedra granítica, tanto na fronte como na parte posterior e realizando un camiño perimetral do propio edificio da Capela.

Tamén se construirán xardineiras de obra de fábrica recebadas e pintadas que se colocarán cada poucos metros na escaleira de acceso para romper a monotonía, ao tempo que servirán como pasamáns para axudarse a acceder ao terreo superior. Igualmente instalaranse bancos alternándose coas mesmas xardineiras. Na parte na que o terreo da Capela está máis elevado sobre as beirarrúas colocarase unha varanda de fundición para evitar caídas.

Acceso a vivendas
Por outra parte, pavimentarase con rego asfáltico o camiño de acceso ás vivendas situadas na parte posterior ao tempo que se instalarán varios puntos de luz.

Para rematar, construiranse unhas beirarrúas que conectarán a zona da Capela co parque das festas.